Thursday 25 de April de 2024

Microteatro nas rúas de Fene para reflexionar sobre a violencia machista


O acto central co gallo do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller celebrarase mañá pola tarde

A conmemoración do 25 de novembro -Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller- bótase á rúa en Fene co obxectivo de que as mensaxes reivindicativas dunha sociedade igualitaria e libre de maltratos calen entre a veciñanza. Desde hai varios días o cruzamento principal do concello exhibe unha pancarta co lema “Fene contra a violencia machista. Nin unha menos”, nos locais comerciais colocáronse pósters da campaña institucional da Xunta protagonizados pola padexeira olímpica Teresa Portela e polo humorista Roberto Vilar, onte houbo contacontos con mensaxe para público infantil e familiar no centro sociocultural de San Valentín e mañá á tarde será cando se celebren os actos centrais co gallo desta data. E será cunha proposta ben novidosa da compañía Chévere, que converterá varios escaparates en escenarios de microteatro co que visibilizar as distintas caras dun problema complexo pero que require solución urxente. A programación co gallo do 25-N está deseñada pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade.

As actividades enmárcanse no programa municipal de Muller e Promoción da Igualdade que, ademais da pancarta e os carteis nos locais comerciais, tamén prevé sesións de sensibilización co alumnado adolescente e preadolescente dos centros de ensino. A concellaría tamén implicou os centros de infantil e primaria do municipio -Centieiras, Jorge Juan, A Xunqueira, O ramo, Os Casais e a escola infantil A Galiña Azul- para que empreguen varios pasos peonís como lenzo de mensaxes concienciadoras. Os lugares elixidos son os pasos de cebra de Tarrío, da avenida do Concello, de San Valentín e da Rúa Hortelá, onde se plasmarán pequenas frases “que fagan reflexionar á cidadanía sobre as consecuencias das desigualdades e sobre a necesidade dun compromiso ante a realidade de que o machismo mata”.

O acto central de sensibilización e reivindicación celebrarase na tarde deste mércores comezando cunha proposta ben novidosa a cargo do Grupo Chévere, que converterá os expositores de catro locais comerciais en “Escaparates contra a violencia machista”. Como indica o propio título, tres escaparates -os de Kata Moda ás 17.00h., o de Mobles Mayvi ás 17.30 e o de Calzados Locay ás 18.00, xunto coa terraza da cervexería Tarabela ás 18.30h.- converteranse en escenarios de microteatro nos que presenciar ao vivo retratos de mulleres maltratadas e as circunstancias que rodean o seu inxustificable calvario.

A proposta escénica de Chévere -Premio Nacional de Teatro 2014 polo seu compromiso social- relaciona e vencella a prevención da violencia de xénero, o pequeno comercio e a creación artística como fórmula de “trasladar á rúa un debate que moitas veces non sae da casa” e recoñecendo o valor do comercio retallista “como ámbito preferente de comunicación entre a veciñanza”.

Manifesto municipal
Ao remate da última peza, sobre as 19.00h., e sen moverse da praza do Ameneiral -tamén coñecida como praza verde-, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mª Carmen Martínez, lerá o manifesto aprobado pola corporación municipal co gallo do 25 de novembro.

O texto ratificado no pleno do pasado 3 de novembro comeza cualificando a violencia machista como “unha realidade vixente e firmemente arraigada na nosa sociedade” con orixe “nas relacións de poder e desigualdade existentes entre homes e mulleres”.

O manifesto destaca a “lacra” dos asasinatos e agresións contra da muller “polo feito de selo”, pero tamén se refire á “realidade cotiá” do maltrato “que queda invisibilizada pola súa sutileza e normalidade” en ámbitos tan diversos como o familiar, o escolar ou o dos medios de comunicación.

A declaración reivindica, ademais, un maior compromiso político para que se teñan en conta “todas as dimensións que inflúen na violencia machista”, revisando e cumprindo a lexislación vixente, reservando partidas para plans de prevención e mellorando os protocolos de coordinación.

A través do manifesto, o Concello de Fene tamén expresa a solidariedade coas vítimas e “coas fillas e fillos de familias rotas polo exercicio do poder patriarcal” , ademais de suscribir un compromiso “coa loita pola igualdade e a convivencia” no que se recalca que “non só é importante a conmemoración dun día, senón que durante todo o ano hai que dispoñer de recursos eficaces e integrais”.

Desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade insístese en que, ademais dos propios servizos municipais, existen dous teléfonos de referencia aos que acudir para pedir axuda en casos de maltrato. Son o 016 e o 900 400 273 -Teléfono da Muller-, gratuítos e anónimos en ambos casos, que funcionan as 24 horas do día, desde calquera teléfono fixo ou móbil e sen deixar rastro na factura.